Monday 16 de September de 2024

A Pobra fomenta as sinerxías entre o sector turístico e as persoas emprendedoras instaladas no Coworking


A Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal dá un paso máis de cara a crear unha rede entre as persoas emprendedoras instaladas no Coworking e o tecido empresarial.

Desta vez, organízase unha xuntanza entre a iniciativa emprendedora Ama de chaves e o empresariado do sector turístico para informar dos servizos de apoio que poden brindar aos aloxamentos (hoteis, pensións, casas de turismo rural, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico). Este encontro desenvolverase no luns 20, en horario de tarde, no propio centro de traballo colaborativo.

O obxectivo é que as persoas que xestionan algún tipo de aloxamento turístico acheguen a súa opinión, recomendacións de mellora e información que consideren que as emprendedoras deberían ter en conta antes de inicia-la súa actividade. Deste xeito, a orientación do empresariado turístico servirá no proceso de validación dos servizos e prezos antes de dar de alta a actividade empresarial.

A este respecto, a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, explica que se trata se establecer unha retroalimentación entre ámbalas partes, establecendo así unha rede de apoio e sinerxías entre as persoas emprendedoras e empresarias. Cerecedo lembra tamén que o Coworking da Pobra, incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, é un lugar onde as persoas poden recibir asesoramento para analizar a viabilidade da súa idea de negocio. E, ademais, deste asesoramento, organízanse outras accións como as ditas xornadas para expoñe-las ideas de negocio que se xestan no coworking e valora-lo interese que espertan entre a clientela potencial e persoas coñecedoras do sector.
Os aloxamentos interesados en formar parte desta rede e apoiar ás dúas emprendedoras do proxecto Ama de chaves poderán solicitar máis información e inscribirse á xuntanza a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035.

Trátase do segundo encontro organizado pola Concellaría da Promoción Económica tralo efectuado no mes de abril coa cooperativa Kracia, tamén instalada no coworking pobrense, cos seus servizos gratuítos para a transformación dixital do sector empresarial.